Un novo 14 de abril celebramos o Día da bandeira Cruceira do Bierzo. Esta enseña foi aprobada nesa data polo Consello comarcal. Sen embargo, máis importante é que os bercianos aceitamos amplamente esta bandeira. Había unha necesidade de acadar un símbolo que representase a unidade territorial e social do Bierzo. Hoxe esta bandeira está ben presente nos actos deportivos, dando visibilidade á afición berciana en calquera cidade de España. Outro tanto acontece coas bandeiras nas manifestaciois reivindicativas, coa publicidade comercial, coa marca turística berciana, etc. Noutras ocasiois vemos bandeiras pegadas nos sinais de tráfico, tapando os leones, ou anónimas pegatinas en papeleiras e contedores de lixo. E por mor da internet a Cruceira está ben publicitada en todo o mundo. Incluso a venda eletrónica china difunde a bandeira en gorras, camisolas, mochilas ou toallas.
Cómpre facer un chisco de historia sobre as bandeiras bercianas. Así recordamos que as localidades rurais conservan os seus pendois que amosan con orgullo nas súas festas e romarías. Os templarios asentados no Bierzo tiveron as súas enseñas coa famosa Tau. Pola súa banda, a alta nobreza amosou os seus escudos (condes de Lemos e de Bembibre, marqueses de Vilafranca, etc). Como imitación a pequeña nobreza fixo algo semellante cos seus escudos e bandeiras que presidían os seus sepulcros nas igrexas. Escudos tamén tiveron os mosteiros bercianos (Carracedo, Espiñareda, Montes, Colexiata…). Os grandes concellos (Ponferrada, Vilafranca e Bembibre) conservan os seus escudos en bandeiras. E as súas milicias concellís partían ás guerras baixo bandeiras portadas por alferes.
Facemos unha mención especial a Ponferrada porque nesta vila houbo celebraciois especiais con bandeiras. Durante a Idade moderna tiña lugar un acontecemento institucional e popular que coincidía coas coroaciois dos novos reis de España. O reximento ponferradino facía un desfile coa bandeira real e local que portaba o alférez (por privilexio), desde a praza do mercado ou igrexa maior até a praza do concello. Eiquí recibía a bandeira o correxidor real, onde tiña lugar o xuramento de homenaxe e lealdade ao novo rei por parte do reximento e maila veciñanza con berros compatidos.
No tema das bandeiras non podemos olvidar o acontecido na guerra contra os napoleónicos. A resistencia comarcal, caso dos Tiradores do Bierzo, tivo coma bandeira o chamado pendón de Lanzas de Ponferrada (coa aspa colorada de Borgoña). Esta bandeira antiga ten a imaxe da Virxe da Encina, co lema “que en la villa de Ponferrada venera por su patrona la provincia del Bierzo”. Incluso o romance de María Manuela nos recorda que “sacaré el Pendón de lanzas con la cruz de san Andrés en los bordes estampada (…)”. Todo indica a forte identificación social coa antiga enseña berciana.
Durante a existencia da provincia de Vilafranca non houbo tempo de fixar a bandeira berciana. Por iso tivemos de agardar á chegada da democracia para desfrutar do resurxir da conciencia bercianista. Co futbol as bancadas luciron a bandeira branquiazul e o bercianismo político tamén utilizou esta enseña. De xeito oficial e institucional houbo o acordo político de consenso coa actual bandeira Cruceira, mestura da branquiazul e da histórica, aspada branquicolorada.
Como xa comentamos e vemos abraia a popularidade acadada pola bandeira Cruceira. Esta enseña berciana compite en maioritaria presencia coas bandeiras
foráneas (autonómica de Castilla e León ou provincial leonesa) e tamén con calqueira das locais (municipais e pedáneas). Son muitos os leonesesistas que non ven ben este grande desenvolvemento da Cruceira porque compite coa súa leonina, así coñecida no Bierzo. Ben demostrado queda isto nos derbis entre cultural e ponferradina. Desde León alegan a antiguidade da súa bandeira. O certo é que ese simbólico león non ten nada de orixinal pois está presente en multitude de bandeiras de rexiois e ciudades europeas. Ademais, aínda hoxe hai desacordo sobre cal é a verdadeira bandeira leonesa, polas desputas entre fondos (¿branco, colorado ou purpurado?) ou sobre os leones (¿bípedo ou cuadrúpedo?). Así pois, o seu deseño unificado vai para longo prazo, mentres no Bierzo témolo clarexo coa Cruceira.
Como temos visto hai moitas bandeiras nos diversos ámbitos territoriais. Agora ben, apesar do esforzo institucional por popularizalas, o certo é que só as máis sentidas son compatidas polas comunidades e territorios. Grazas a elas socializamos mellor os individuos nun destino incerto e asumimos noso pasado común. Velaí que unhas bandeiras só teñan presenza nos altos balcois dos edificios públicos, mais xamais pisan as rúas. As bandeiras Cruceiras son portadas pola veciñanza anónima que as sente coma propias, por iso medra o seu uso popular acotío. Do corazón saen as coplas satíricas, “O Bierzo cruceiro, león cazurreiro”, ou as líricas poesías, “Bandeira tricolor. Cruceira o cruzada, identidad y amor, euforia.
Xabier Lago Mestre